O Entroido de Carucedo. Alfonso Fernández Pacios

A Festa dos Revestidos, os grupos de Matrocos, os sacos de cernada, os Farraqueiros, as chocas, o Home do Saco, …

Tradicióis bercianas que temos que recuperar

MEDULAS - 1.cdr

Existe unha aldea na nosa provincia, aló no Bierzo, onde nunca deixou de celebrarse o Entroido ao estilo céltico. É celebrado dunha forma singular, como endexamais vin celebrar noutro sitio. O lugar é CARUCEDO, aldea que se estriba na ribeira do lago que leva o seu mesmo nome. Este lago é o maior da provincia e xa foi coñecido polos romanos polas súas suculentas anguías.

A “Festa dos Revestidos” comeza xa semanas antes, no mesmo intre no que os nenos da aldea non pensan noutra cousa que non sexa en correr o Entroido. A medida que nos achegamos ao esperado MARTES de Entroido, intensifícase a participación dos veciños e veciñas na festa, polo que non se celebra só un día, senón que se celebra durante toda a semana.

Polas tardes xa saen algúns “Grupos de MATROCOS”, formados por xente disfrazada, que percorren as rúas con grande algarabía.  O segredo do grupo é non ser recoñecidos por ninguén. Logo aparecerán outros veciños tamén “REVESTIDOS”, que cun saco cheo de cinza ou “CERNADA”, como eiquí lle chamamos, tiran o seu contido entre o xentío.

O Martes de Entroido é a data sinalada da festa. En todos os barrios hai unha grande actividade. As mulleres máis maiores andan de acó para aló, reúnen ás máis novas do barrio e preparan a súa carroza: un tractor decorado con teas de cores por todas partes, que paseará polas rúas da aldea. A imaxinación tamén voa para á hora de idear os disfraces.

Preto pasan os nenos da escola de párvulos, que cos seus vistosos disfraces e as súas cornetas dan comezo á festa.

No ano 1984 no barrio da Fonteíña, representan unha voda á que acompañan un gran número de invitados, na que non faltan o cura, o diaño tentador e a vella bruxa, coa encomenda de bendicir a cerimonia. Os cantos e ruídos de pandeiretas espertan aos veciños da aldea xa en alerta, que saen ás rúas para acompañar á festa. Nestas tardes xa largas e soleadas serán cando os anciáns da aldea se reúnen nunha soleada escaleira onde recordan e rin polos vellos tempos. Tal vez sexa este o único día de todo o ano no que se xuntan con grande alegría e recordando os tempos mozos.

Todos os participantes tratan de identificar á comitiva, mais en escasas ocasións o conseguen. Noutra rúa tamén aparece máis xente disfrazada que se une á xa larga procesión.

Separados do grupo deambulan os “MATROCOS” quen coa súa identidade ben agochada, realizan as posturas máis absurdas e disparatadas, levando de un lado a outro as risas dos acompañantes. Nestas datas esquécense os que faceres cotiás, e mesmo a propia identidade.

Na praza máis típica prodúcese a cerimonia acompañada de cantos e danzas; aiquí o ruído é enxordecedor, ao son do gaiteiro e o tamborileiro, que entoan antigas cancións locais.  Esta doce melodía fai esquecer o inverno e fai recordar aos máis maiores os seus períodos de xuventude.

E de pronto un grande alboroto se forma na praza. Os rapaces máis mozos que non saben por onde escapar e a gran troula mestúrase con nubes de po gris que inundan a todo o xentío: “Chegaron os FARRAQUEIROS!”

Son estes Farraqueiros a esencia do Entroido de Carucedo. Visten con roupas lixeiras e vellas, unha máscara que pon os pelos de punta, unha “CHOCA” ou campaíña colgada ao cinto e un saco de cernada ao ombreiro.

O farraqueiro está composto de catro ou cinco persoas que zoupan a todo o que se pase por diante. Baixo os seus disfraces agóchanse os rapaces máis rápidos da aldea, polo que convén estar rápidos.

Aparecen desde os lugares máis insospeitados, polo que non hai obstáculo que impida escapar ao xentío da fereza dos inminentes golpes recibidos polo saco de cernada.

Os vellos e curtidos moradores da aldea mor dos golpes, rin perante as fazañas dos perseguidores e perseguidos, estes últimos sempre con cadansúa marca de cinza no lombo.

Mentres o gaiteiro toca, a xente máis maior recibe a dose de cinza que o farraqueiro lles proporciona ao pasar, mais non deixa nunca de rir.

Os máis pequenos escóndense tras das pernas das súas nais ante as sorprendentes aparicións, xa que estes farraqueiros son os “pantasmas do pasado”.

A xente que non é da aldea non comprende moi ben porqué ten que escapar, mais cando pasa o farraqueiro, moitos escapan polas hortas e prados a fume de carozo.

A festa continúa na praza até que cae a noite, entón os veciños retornan a cadansúa casa, mais as chocas dos farraqueiros fan que todos se manteñan en alerta.Os meniños cean todo o que teñen no prato xa que senón as súas nais ou os seus pais chamarán ao Home do Saco.

Para rematar a xornada un grupo de Matrocos, xa sen saco, percorren as casas. Continúan coa troula, sempre aderezada con viño do país que anima o festexo nestas últimas horas do Martes de Entroido.

Durante todo o ano e até a seguinte edición, os comentarios sobre o Entroido fan revivir esta gran festa, axudando a enriquecer así as lendas da nosa aldea.

É así o ENTROIDO CÉLTICO en Carucedo; eu doutro lugar non souben.

 

Alfonso Fernández Pacios.

Carucedo

Advertisements

About Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas

AS MÉDULAS para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo somos un grupo plural, aberto á participación de todas e todos e non partidista. En pleno proceso de construción, o grupo pretende xuntar forzas en prol da dignificación do noso carácter e defender a dura situación que está a vivir a lingua galega na contorna berciana. Como tamén a cultural popular en xeral.
Esta entrada foi publicada en Sin categoría. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s