Entrevista a Paco Macías, membro do grupo Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo

MEDULAS - 1.cdr

Para o Bierzo debería significar o apoio a esa consciencia nova de que tamén a cultura galega é algo noso. De que todo ten unhas raíces

12421830_472809859572611_1737316906_nFrancisco Macías, coñecido como Paco Macías por todos e todas nós, nado en Lago (O Bierzo), é editor en lingua galega. É o fundador de Edicións Positivas, editorial responsable do Premio Narrativas Quentes de Literatura Erótica.

Paco é membro do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas, e foi o portavoz da mesa de debate e traballo “CULTURA: ASOCIACIOIS E COLECTIVOS CULTURAIS DO BIERZO”, nas “VIII Xornadas Martín Sarmiento”, celebradas en Vilafranca do Bierzo, o pasado día 9 de marzo.

O día 18 de marzo, anunciou a través das redes sociais que Edicións Positivas vai reeditar a obra “Ensaios poéticos en dialecto berciano”, da autoría do poeta berciano Antonio Fernández e Morales.

EDICIÓNS POSITIVAS incluirá este poemario, publicado xa en 1861, dentro da prestixiosa colección DIVERSOS. Fernández y Morales compartirá colección con Lois Pereiro e Charles Bukowski, con Rosalía Fernández Rial e A. Ginsberg, con Safo e Paula Carballeira, con Wislawa Szymborska e Walt Whitman, con Estevo Creus e Lupe Gómez…

Chegará o autor berciano ao corpus da literatura galega, farao con certo retraso, e será para quedar.

A edición deste poemario será “limpa”, sen limiares nin ningún texto explicativo, tal e como sucede en todos os poemarios da colección. Respetarase a edición orixinal, sen adaptacións a grafías actuais nin outras correccións. Será un volume de 300 páxinas…

Con estes motivos, preguntámoslle a Paco:

Respecto das Xornadas Martín Sarmiento, es quen de facer unha valoración global?
Sempre é inxusto facer valoraciois globais, pois hai muitos detalles que se lle escapan a un, e ás veces son os máis interesantes. Pero se teño que dar unha opinión diría que me pareceu un momento importante, de gran implicación de diversos sectores bercianos que até agora estaban como ausentes.

Mesmo se están a interesar sectores non galegofalantes, o que constitúe unha grande e agradable sorpresa. Dá a sensación de que no Bierzo a xente comeza a ver o galego como unha riqueza cultural.

Tamén me agradou a implicación das autoridades municipais dos concellos galegofalantes. Hai unha nova xeración de alcaldes con outra sensibilidade. E agardo que representen tamén á aparición dun outro Bierzo máis culto.

 

As Xornadas Martín Sarmiento. Sobre a mesa de debate e traballo “CULTURA: ASOCIACIOIS E COLECTIVOS CULTURAIS DO BIERZO”, na que fuches portavoz: Cales foron os temas de debate? E as propostas? 
Houbo un primeiro contacto dunha serie de persoas ao que lle deberiamos dar continuidade. É sempre este seguinte paso o de maior dificultade. E niso estamos.

Creo que, enlazando co que dixen na pregunta anterior, hai unha maior receptividade no Bierzo cara á cultura que se expresa en galego. E as asociacións e persoas presentes así o manifestaron. Pero tampouco nos deberíamos de autoenganar. Nosoutros non somos unha illa. Se en Galicia é máis que difícil manter medios de comunicación en galego, no Bierzo é aínda muito máis complicado. Pero ás veces as utopías acaban sendo realidade onde un menos pensa. E niso estamos, na nosa utopía.

Creo que o proxecto máis claro que ideamos fui crear un evento anual e actual a partir dun poema distinto cada ano de Fernández y Morales. Para explicar millor o que quero dicir exemplificareino no que programamos para o 2017.  A partir do poema O ENTROIDO organizaremos un evento no que paerticiparán representantes de entroidos doutras áreas xeográficas, tales como Portugal, o Val do Ulla, Ourense, León, Asturias… Coñeceremos os seus entroidos, para resuperarmos o noso. É a millor homenaxe que se nos ocorre para lle facer a Fernández y Morales. E a maior utilidade. E así cada ano, a partir dun poema distinto estudiaremos a cultura berciana da área galegofalante.

 

Que supón a reedición da obra “Ensaios poéticos en dialecto berciano” para Edicións Positivas e para ti persoalmente? E para O Bierzo?
Para Positivas supón unha obriga e unha satisfación. Unha obriga como berciano, como editor e como libertario da edición que busca sempre abrir novos vieiros entre tópicos e dogmas. A ausencia dos ENSAYOS POÉTICOS… nas Historias da literatura galega ten díficil explicación. Sinto unha certa vergoña allea e propia por non o remediar antes. Pero sempre é millor tarde que nunca. E agardo que desate o interese por este escritor, e pola cultura do Bierzo.
Para o Bierzo debería significar o apoio a esa consciencia nova de que tamén a cultura galega é algo noso. De que todo ten unhas raíces.

 

Advertisements

About Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas

AS MÉDULAS para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo somos un grupo plural, aberto á participación de todas e todos e non partidista. En pleno proceso de construción, o grupo pretende xuntar forzas en prol da dignificación do noso carácter e defender a dura situación que está a vivir a lingua galega na contorna berciana. Como tamén a cultural popular en xeral.
Esta entrada foi publicada en Sin categoría. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s