Entrevista a Daniel Bernardo, estudante de galego no IES Padre Sarmiento

MEDULAS - 1.cdr

jpg

-Reproducimos a continuación a entrevista publicada no portal web da Associaçom de Estudos Galegos, o pasado día 3 de abril-

(Imaxe de La Voz de Galicia)

 

No ano 2001 a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León asinaron o Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo, que permite que nos centros adscritos ao programa, os estudantes de certos niveis do ensino obrigatorio non só poidan cursar a materia de lingua galega, senón que poidan optar por un módulo en lingua galega para o estudo doutras materias, que tratan aspectos históricos e culturais.

No curso 2007-2008 as administracións educativas de Galiza e Castela e León comprometéronse a estudar un modelo para ofertar nos centros de ensino que desenvolven o Programa para a promoción do idioma galego en Castela e León, a Lingua e Cultura Galegas como materia optativa. Esta vía permite a obtención do CELGA III, título que posibilita acceder aos concursos públicos ofertados pola administración galega.

O pasado día 4 de maio do 2015, a Consellería de Educación da Xunta de Castela e León botou fóra do currículo de Bacharelato no Bierzo, a  materia de Lingua e Cultura Galegas. Segundo a nove orde educativa, é considerada materia de libre configuración autonómica e impartida en horario non lectivo. O alumnado ten tres horas máis en 1ª Bacharelato e 4 horas máis en 2ª de Bacharelato. A aplicación da LOMCE nos centros de ensino bercianos, provoca que haxa só un alumno en 1º de Bacharelato no IES Sarmiento, en Vilafranca do Bierzo.

É por iso que entrevistamos a Daniel Bernardo.

VELAQUÍ A ENTREVISTA COMPLETA

 

Por qué estudas galego Daniel? E, por qué recomendas estudar galego aos estudantes bercianos máis novos?

Existen varias razóns que o explican. A fundamental é que son nado en Lugo e desde moi pequeno resido en Vilafranca do Bierzo. É por iso que me pareceu moi positivo participar no Programa para a promoción do idioma galego no Bierzo. O Bierzo, mor da súa situación xeográfica, está en estreito contacto con Galiza, sendo parte da súa historia. Isto explica que moitos bercianos empreguen a lingua galega de forma habitual, e eu quero ser un máis entre eles. De aí que o programa sexa moi interesante e de grande utilidade para os bercianos e bercianas.

Recomendo o estudo da lingua galega, xa que ten moitos beneficios.

O principal é a posibilidade de obter emprego en Galiza dunha forma máis doada que sen ter coñecementos de lingua.

O galego tamén incrementa as posibilidades de acceder a un emprego no Bierzo, xa que moitas empresas esixen algún título CELGA.

Non podemos esquecermos de que a lingua galega está en estreito contacto coa lusofonía, un total de douscentos millóns de falantes, cos que podemos estar en contacto dunha forma máis sinxela.

 

A aplicación da LOMCE está recibindo numerosas críticas negativas por parte da comunidade educativa. Que opinión che merece? Que consecuencias terá a medio e largo prazo?

A LOMCE é o principal atranco para o éxito do Programa para a promoción do galego no Bierzo. Evidentemente estou en contra da aplicación da lei, xa que relega o galego a materia de libre configuración, o que supón un menosprezo pola nosa lingua. É inxusto que desapareza un idioma tan beneficioso para o Bierzo, xa que perderemos parte da nosa cultura berciana.

As consecuencias derivadas da súa aplicación non serán a medio e largo prazo, senón inmediatas, e a medida que esta se vaia asentando, medrará a inseguridade entre os alumnos que cursen a materia.

A LOMCE despraza o galego fóra do horario lectivo habitual, polo que teño unha hora diaria máis de clase. No meu instituto, en primeiro de Bacharelato, onde xa está asentada a lei, a materia impártese ás 07.45 horas, e os alumnos que empregan habitualmente o transporte escolar non poden escollela, xa que a esa hora non funciona o bus escolar. O ano pasado fomos 14 alumnos en 4ª ESO, e este ano, un alumno tan só en primeiro de Bacharelato.

 

No ano 2001 a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León asinaron o Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo, que permite que nos centros adscritos ao programa, os estudantes de certos niveis do ensino obrigatorio non só poidan cursar a materia de lingua galega, senón que poidan optar por un módulo en lingua galega para o estudo doutras materias que tratan aspectos históricos e culturais. No curso 2007-2008 as administracións educativas de Galiza e Castela e León comprometéronse a estudar un modelo para implantar o galego en centros de bacharelato.Que papel xogaron as administracións leonesa e galega na promoción do programa? Cales son as túas recomendacións a unha e outra administración?

É obvio que ambas as administracións foron as promotoras e responsábeis de poñer en marcha o Programa para a promoción do idioma galego no Bierzo.  Durante a súa etapa inicial o programa funcionou ben, mais por algunha razón que descoñezo, o programa perdeu prestixio de forma progresiva. Co paso do tempo apareceron numerosos inimigos e algúns aspectos “cruciais” quedaron descolgados: O galego quedou desprotexido.

Ambas as administracións deben cambiar completamente a súa actitude de cara o programa.

A Xunta de Castela e León ten que deixar de entendelo coma un simple programa máis,  e entendelo “crucial”, para contribuír así o correcto desenvolvemento cultural da comarca berciana.

No transcurso do Debate das arelas de Sarmiento, celebrado o pasado día 9 de marzo, en Vilafranca do Bierzo, a representante de educación da Deputación de León dixo que na aplicación da LOMCE:  “contaron con profesores que estimaron oportuno facer este cambio”, -para a miña sorpresa-.  Eu pregunteille entón se os profesores eran de galego, e ela respondeume cun rotundo “NON”, e iso preocúpame moito, xa que denota que os responsables da Xunta de Castela e León non se toman en serio o programa, incumprindo co disposto no artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Castela e León, que recolle que: “Gozará de respeto y protección la lengua gallega en los lugares en que habitualmente se utilice”.

Por outra banda, a Xunta de Galicia debe ser capaz de poñer en marcha os mecanismos de presión necesarios para a defensa das continuas violacións que sofre a lingua galega por parte de Castela. Entendo que a Xunta de Galicia humíllase deixando que Castela aplique a LOMCE, unha lei que pretende atentar contra  a lingua e cultura galegas.

No Bierzo, o Programa para a promoción do idioma galego no Bierzo é voluntario: “Non é obrigatorio aprender a falar galego no Bierzo”. O programa é beneficioso para leoneses, bercianos, galegos e casteláns.  Entón, por qué ir contra del?

 

Advertisements

About Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas

AS MÉDULAS para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo somos un grupo plural, aberto á participación de todas e todos e non partidista. En pleno proceso de construción, o grupo pretende xuntar forzas en prol da dignificación do noso carácter e defender a dura situación que está a vivir a lingua galega na contorna berciana. Como tamén a cultural popular en xeral.
Esta entrada foi publicada en Sin categoría. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s