Apuntamentos e outras lerias persoais sobre Fernández e Morales. Marcelino B. Taboada Gerbolés

MEDULAS - 1.cdr

ENTROIDOFdezMoralesDeseguido cómpreme facer referencia a certos detalles arredor da personalidade e maila obra do literato, político e poeta berciano D. Antonio Fernández e Morales, de quen estamos a celebrar o segundo bicentenario do seu nacemento.

Ao fin de percorrer un vieiro fiable ou vencellarme a un fío discursivo fixo e non desviarme do propósito antedito, convirá traer a colación algunhas precisións axeitadas plasmadas por diversos estudosos da figura e as producións escritas do noso autor: José A. Balboa de Paz, Javier Martínez, unHa escolma de lingüistas e/ou filólogos galegos e un analista do seu léxico (Anxo Angueira). Hai que ter en conta, asemade, que moitos dos pareceres transcritos deben asimilarse a valoracións parcialmente persoais de quen neste texto vai relatar.

 

s4aJosé A. Balboa de Paz: Paisano -canto a cacabelense – do persoeiro da nosa comarca, debulla as calidades esenciais do brigadier: “resposta aos principios ideolóxicos do rexionalismo (político, en xeral) e aos principiais trazos dos escritores do Rexurdimento do século XIX: democracia e progresismo, promoción da dignidade cultural e lingüística e fomento da conciencia e identidade. Noutro canto, declárase ou deixa entrever o seu laicismo nas súas actitudes.

A súa traxectoria vital amosa con rotundidade estas constacións tan acaídas ao respecto: por exemplo, foi deputado polo Partido Radical e participou na revolta contra a monarquía absolutista -apoiada polos carlistas – de Isabel II (A Gloriosa, 1868). Considera a linguaxe popular e dialectal digna de desenvolvemento cultural en bastantes eidos, e emprega un argumentario a prol de poñer en valor a idiosincrasia e as peculiariedades do pobo. E todo sen arriscarse a que se desencadee ningún enfrontamento innecesario, aínda que tan só for nos terreos máis sensibles e controvertidos: ideolóxico, filosófico, relixioso… Talvez os seus salientables expedientes militar e académico teñan que ver moito coa súa relativa pacífica existencia.

 

antonio-fernandez-e-morales-por-siro-lopezJavier Martínez: O noso singular e sobranceiro personaxe sentíase honrado por redactar en dialecto berciano. Mantiña que na transcrición deste xeito de falar se baseaban as súas creacións. Por outra banda, esta peculiariedade había que atopala no Bierzo baixo (ou central, xustamente na contorna de Cacabelos), logo que o idioma vulgar e culto ía galeguizándose (a medida que nos encamiñabamos cara ó occidente) e se castelanizaba segundo nos trasladabamos en dirección surleste. Esta tese artellábase nun contexto no que, ao explicar esta teoría propia máis polo miúdo, recoñecía que o berciano dimanaría do dialecto galego sendo, por conseguinte, un subdialecto de seu. Coido que non estaría de sobra e aclararían conceptos unhas novas pescudas sobre idiomas preponderantes coma o español, nomeadamente, en relación coas outras linguas ou dialectos da península ibérica, na consideración máis ampla dos condicionantes históricos no século XIX.

Unha nota decisiva do noso senlleiro home insírese na súa teima polos alicerces que consolidara ao longo da súa crianza, circunstancia que amosaba cunha soidade e devecemento radical pola súa vila do Cúa. Sempre volvía a ela, como se quixera que a súa “morriña” tivese una compensación de tipo psicolóxico e humano. A anécdota ou casualidade, de que no día do seu pasamento, “ficase accidentalmente en Cacabelos” non é un dato aleatorio, senón o seu desexo habitual.

A tarefa literaria do vate -“xuncido aos seus lares” – quedou esquecida durante varias décadas e rescatada posteriormente ata un punto de simple conservación. E unha destas épocas de escurecemento coincidiu co remate do século XX (intre no que nin os manuais ao uso de escolmas literarias galegas adoitaban dedicarlle e procurarlle un oco dunhas poucas liñas). E mesmo a maioría dos entendidos na lingua da Rosalía non eran proclives a aceptar os seus méritos intelectuais e líricos, fóra de contados expertos. Porén, nos derradeiros anos si que se tratou de fomentar a lembranza do escritor estremeiro e dar un pulo obrigado á súa memoria, rehabilitando as súas diversas achegas e poemas. E evidenciouse que o labor que lle incitou levar a termo o frenólogo D. Mariano Cubí i Soler tería que completarse, ao meu xuízo, noutros eidos: toponimia, onomástica, aspectos privativos dos nosos ancestros…

 

220px-Ensayos_poéticos_en_dialecto_bercianoA súa obra: notas a subliñar. De tódos os epítetos empregados co obxecto de acoller o recopilatario lírico de Fernández e Morales fai falla comezar polos dous máis concluíntes: romántico e realista. O poeta transmite, sen dúbida, sensacións e caracteres comúns ao movemento romántico: descrición dunha atmosfera ou clima que acouga sentimentos, emocións…, preferencia polos elementos naturais (flora, fauna, paisaxes…), hiperbolización de situacións específicas…

E, aínda noutro canto, os pormenores que o delatan e evidencian a súa faceta realista son unha manchea. Nesta comprobación concordo con Xosé L. Méndez Ferrín e, así mesmo, na contrastación de episodios “tremendistas”, entre os cales o da caza do “urso” é un expoñente difícil de imitar.

Por outra banda, non é doado adaptar as técnicas actuais ao uso tan consubstancial do léxico localista do noso personaxe. É constatable a presenza de vulgarismos (v.g a terminación en -ao nos participios) ou de castelanismos (cielo ou suelo son as dúas palabras a resaltar) pero sorpréndeme que non se mencione nunca a descuberta excepcional de bercianismos: caramañola, carreña, galfarro…

Nesta cuestión é de crer que os traballos de campo “verbo a dialectoxía ancaresa” non acadan mesmo no presente -nin de lonxe – o seu máximo desenvolvemento. De certo, na miña valoración avaliativa do feito e espallado polo profesor Fernández Rei -que é na súa intencionalidade moi valioso e de gabar -, a comparación entre as verbas artelladas e axeitadas polo noso home de prol e a maneira de comunicación na serra luguesa desvela unha semellanza nunha morea de vocábulos.

Outra teima que me vén á mente e me asombra ás veces refírese á autoconfesión do militar, admitindo e aceptando a acusación de servirse de esaxeracións e outras técnicas co gallo de impresionar ás xentes nas súas narracións. A verdade é que o seu dominio da gramática, do formalismo, a súa habilidade no seo da métrica e a rima e dos recursos ligados a esta arte os adapta e manexa coma un mestre. Se ao anteriormente dito o acompañamos coa utilización que realiza da retranca encoberta, a guisa de sarcasmo e sinal dunha rebeldía social conxénita en lances illados, entenderemos o proceder do “cantor do fermoso e paradisíaco xardín do Bierzo”.

O Bierzo. Por Xurxo lobatoAs sabias ensinanzas ao respecto de Anxo Angueira: Este coidadoso investigador e rescatador do prestixioso xeneral berciano incide, da mesma maneira cá unanimidade de especialistas, en remarcar unha nota constante na obra de Fernández e Morales: o costumismo. Este tópico provén do que podería identificarse como cerne temático e psicosocial da súa perspectiva ideolóxica: as tradicións (o fiandón, as festividades, as celebracións, as romarías, as manifestacións devocionais, as vodas, as loitas nas regueifas…). E iso sen desprezar os xogos (baralla, chapas, bólos, cocha…) ou os hábitos polo que atinxe aos traballos estacionais do labrego (a vendima, a sega…) e a gastronomía doméstica.

O noso representante fundamental do Rexurdimento mestura cunha enorme axilidade o formalismo e demais instrumentos gramaticais, sintácticos (hipérbato, encabalgamento…) coas ferramentas das que – polo que fai a coñecementos – dispón disque un “ilustrado” (xeografía, gastronomía, filosofía, relixión, historia, literatura, ciencias biolóxicas e ecolóxicas, política…) que se asociaría a un “cosmopolita” do seu tempo. E esta realidade é o corolario dunha vida de itinerante en bastantes destinos e empregos ou postos (non só na súa patria de orixe, pois ocuparía -paradoxalmente – unha peculiar delegación (ou legación) no estranxeiro: ante a Santa Sé).

Para rematar os asuntos abordados, é necesario priorizar o apartado da antropoloxía cultural. Sen dúbida, nas xuntanzas do pobo e nas exteriorizacións enxebres se comprenden crenzas, valores e procederes que se corresponden indirectamente cos soportes ou intereses, que fornecen e reforzan a convivencia “acotío” e xogan o rol de “alicerces” das estruturas comunitarias. Dito noutro rexistro: “a nosa xentiña é tan española como alén do Manzanal, pero… ten un aquel tan enxebre!”

 Marcelino B. Taboada

 

Advertisements

About Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas

AS MÉDULAS para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo somos un grupo plural, aberto á participación de todas e todos e non partidista. En pleno proceso de construción, o grupo pretende xuntar forzas en prol da dignificación do noso carácter e defender a dura situación que está a vivir a lingua galega na contorna berciana. Como tamén a cultural popular en xeral.
Esta entrada foi publicada en Sin categoría. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s