Antonio Fernández Morales. 1817-2017

MEDULAS - 1.cdr

Antonio Fernández e Morales (1817-1896) residiu boa parte da súa vida, desde unha idade moi temperá, en Cacabelos, e foi na vila onde aprendeu a lingua dos veciños e veciñas, a lingua galega. Serán moitos os lugares nos que residiu o escritor, mais nunca esqueceu a súa terra berciana. Os seus restos repousan no Cemiterio da Edrada, en Cacabelos, onde foi soterrado o día 16 de agosto do ano 1896.

Velaquí unha serie de datos de interese respecto da súa figura:

  • Militante do Partido Radical.
  • Militar liberal e progresista, destinado a Tui entre os anos 1841 e 1845.
  • Gobernador militar de provincias.
  • Deputado na provincia de Vilafranca, no ano 1872. Será nesta vila onde coñece no ano 1847 o filólogo catalán Mariano Cubí, quen lle recomenda empregar a lingua galega nos seus escritos.

A obra poética Ensaios poéticos en dialecto berciano achegou á historia da literatura galega o carácter da comarca berciana, administrativamente leonesa, mais estreitamente vinculada con Galicia, coa que comparte historia, costumes, lingua e tradición. Ve a luz no ano 1861, dous anos antes de seren coñecidos os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Trátase dun autor que non foi investigado o suficiente. O ano 2017 é unha boa oportunidade para recoñecer a súa figura, por mor da celebración do bicentenario do seu nacemento. Antonio Fernández e Morales e Frei Martiño Sarmiento son os dous grandes referentes da literatura galega no Bierzo. Consideramos que é necesaria a incorporación plena de autores pouco coñecidos como Morales, entre o grande elenco de grandes escritores en lingua galega. Partindo do estudo da súa obra, será unha boa oportunidade para levar a cabo a recollida da onomástica e toponimia do Bierzo.

O valor do léxico e das tradicións presentes na obra de Morales foi recoñecido por Rosario Álvarez Blanco, con manifestacións como a de que termos como “cachois”, son singulares e cómpre telos en conta como valor intrínseco da obra literaria do escritor. Ou por Antón Santamarina, quen sostivo durante o transcurso das “IV Xornadas da Cultura e Lingua Galegas no Bierzo” que poetas como Morales: “converten o costume e a tradición en literatura”.

Será Morales quen lle lembre aos lectores bercianos na súa obra o estreito vínculo con Galicia:

Como lingua

Indica no prólogo da obra poética: “o berciano é un subdialecto galego”, de gran valor simbólico e fundamental pola importancia que lle confire á lingua galega máis aló das súas fronteiras.

Como paso fronteirizo

As continuas disputas entre Castela e Galicia respecto da administración da comarca serán continuadas ao longo da historia, sen esquecermos o ano 1822, no que un Decreto Lei converte o Bierzo en provincia de Galicia, escollendo Vilafranca do Bierzo como a súa capital.

“Cual tesoro q’a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta …”