Atrancos que sofre o galego no Bierzo

MEDULAS - 1.cdrOrganizacións culturais do Bierzo veñen traballando hai anos polo recoñecemento dos dereitos lingüísticos do galego, vivo na fala da nosa terra.

Na actualidade os acordos son vulnerados, os convenios non foron cumpridos, hai dificultades para o acceso a nosa cultura,…  Por que?

Velaquí unha serie de datas fundamentais respecto do ensino da lingua galega nos institutos bercianos que ilustran o porqué da afirmación:

– No ano 2001, o día 18 de xullo, foi asinado o Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo.  O ano 2011 a Xunta de Galicia informa que: “Un total de 966 estudantes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria cursa o idioma en 17 centros, 13 de Infantil e Primaria e 4 da ESO.”

– No ano 2006 foi asinado un compromiso polo cal as Administracións educativas de Galiza e Castela e León comprometéronse a estudar un modelo educativo para implantar o galego en centros de bacharelato a partir do curso 2007-2008. Este acordo permite que os Institutos de Educación Secundaria que desenvolven o Programa para a promoción do idioma galego poidan ofertar aos alumnos de Bacharelato a materia optativa de Lingua e Cultura Galega. Unha vía de estudo que abre unha pequena ventá a Galiza e ao galego e que permite a obtención do título coñecido como CELGA III.

O noso dereito lingüístico foi asoballado pola orde educativa datada o día 4 de maio de 2015 e asinada pola Consellería de Educación da Xunta de Xunta de Castela e León, polo que a materia de Lingua e Cultura Galega sae do Currículo, será considerada MATERIA DE LIBRE CONFIGURACIÓN AUTONÓMICA e impartida en HORARIO NON LECTIVO.

Isto supón que o alumnado que decida optar por esta materia deberá cursar TRES horas máis en 1ª de Bacharelato e CATRO horas máis en 2ª. A isto súmase a supresión da vía do galego, por parte da Consellería de Educación e da Xunta de Castela e León no IES Bergidum en Cacabelos e posteriormente no IES Europa de Ponferrada.

A todos estes atrancos engádese o feito de que parte dos alumnos que estudan en Vilafranca do Bierzo (con 36 localidades adscritas ao centro) deberán recibir clases ás 7,45 da mañá.

Como resultado de todas estas medidas  os alumnos perderán a posibilidade de obter o CELGA III que lles permitiría participar nos concursos públicos da Administración  Galega.

Os datos falan por si mesmos …

Soamente un par de cuestión:

Quen quere afogar o dereito á existencia dunha lingua, dunha cultura …? Por que?

A lingua é unha “arma cargada de futuro”?

Advertisements