O seu nacemento

MEDULAS - 1.cdrA Asociación Berciana da Lingua Xarmenta comezou a súa andaina alá polo ano 2005. Xorde dun grupo de persoas do eido do ensino, nais e pais de nenas e nenos da escola pública e
outras persoas, co obxectivo  da  Conservación do Patrimonio Cultural da Lingua Galega falada no Bierzo e que vén reflectido no Estatuto de Autonomía de Castela e León.

Para acadar os obxectivos da asociación créanse  os Premios Xarmenta, foi publicada unha descargarevista,… entre outras moitas actividades desenvolvidas, coa finalidade de visibilizar o galego no Bierzo e ter así a posibilidade de favorecelo no ensino público.

Hoxe máis de 1.000 persoas estudan galego no Bierzo.

 

Esta é a nosa presentación. Publicada no primeiro número da Revista Xarmenta:

A todo aquel que crea na importancia do pasado para comprender o presente e para guiar o noso camín cara ao futuro vai dirixida a revista Xarmenta. Entre páxina e páxina está agochada a ilusión e o esforzo das persoas que forman a  Asociación Berciana da Lingua Xarmenta, a punto de cumprir o seu segundo ano de vida.

Alá por marzo de 2005, sen moitos  recursos, pero con moita esperanza e gañas de traballar, varios amigos decidiron unir os seus esforzos para loitar pola  conservación dunha parte esencial do patrimonio cultural do  Bierzo: a fala dos seus antepasados, dos nosos avós, e de moitos homes e mulleres que viven nesta comarca. O galego é o sangue das nosas raíces e dado que aínda latexa entre nós, debemos coidalo, mimalo e conservalo. Porque esquecer o pasado supón borrar a senda do futuro.

Para facer o noso soño realidade, Xarmenta traballou arreo en diferentes actividades que na súa meirande parte van dirixidas aos nenos que seguen o programa de galego nas escolas e nos centros de ensino secundario no Bierzo.

Estes cativos que co apoio de seus pais optaron por aprender a lingua dos avós merecen todo o noso ánimo. Eles son a ponte que enlaza o pasado cun futuro que grazas e eles está cheo de esperanza. E os seus pais saben que conservar a tradición significa darlle máis vida ao presente dos seus fillos e tamén abrirlle novas portas no futuro. Porque a adquisición dunha lingua é sempre unha oportunidade de progreso, e nunca un retroceso. É unha opinión unánime no ámbito da psicolingüística que o coñecemento dunha segunda o terceira lingua favorece a capacidade de conceptualización e senta as bases para a adquisición de novos códigos lingüísticos.

Parabéns aos que escollestes recuperar a lingua que aínda latexa. Parabéns a todos aqueles que no Bierzo, ou en calquera parte do mundo, elixistes non esquecer os sons dos devanceiros. Porque unha lingua é moito máis ca un sistema de fonemas con significado: é unha forma de ver o mundo, de sentir e de percibir o que nos rodea. Se a perdemos, morrerían historias, lendas, tradiciois e sentimentos que son o zume que mantén vivas as nosas raíces. Xarmenta seguirá achegando o seu gran de area para que aqueles que desexan conservar esta parte do noso pasado non se sintan sos.