Iniciativas e datas destacadas

MEDULAS - 1.cdr

Cómpre botar a vista atrás e lembrarmos o esforzo realizado nos últimos anos, para a promoción da cultura galega no Bierzo.

 

Velaquí  algunhas datas destacadas pola súa singularidade e importancia:

 

  • En 1981 comeza a andaina  da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo. Desde a escola promóvense numerosas actividades culturais, encontros, xornadas, congresos e campañas en defensa do galego destinadas a maiores e escolares, para a promoción do uso da lingua tamén entre as novas xeraciois. No ano 1986 topamos con dípticos e carteis en lingua galega. A escola recupera a celebración da Festa dos Maios, unha gravación en DVD así o demostra.

 

  • En 1983 nace A Curuxa, revista bilingüe ideada polo profesorado da Escola primaria pública de Corullón.

 

  • Anos 1890, 1891, 1892, 1893 e 1894, respectivamente. Xornadas da Cultura e Lingua galegas no Bierzo, coordinadas pola Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo, para fomentar o uso do galego entre os estudantes nas escolas bercianas.

 

  • En 1990 nace a Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo.

 

  • Ano 1996 en adiante. A Comisión Cultural Martín Sarmiento dirixe as Xornadas Martín Sarmiento, recuperando o espírito daquelas Xornadas da Cultura e Lingua galegas no Bierzo,para promover o galego nas escolas bercianas.

 

  • En 1998 constitúese o Colectivo Fala Ceibe, impulsor de actividades culturais, premios escolares, campañas de concienciación respecto da promoción do galego nas escolas e desenvolvemento de accións reivindicativas.

No seu blog lemos curiosidades sobre O Bierzo, en lingua galega.

 

  • En 2001 –Inverno-. Créase a Comisión Cultural Martín Sarmiento co obxectivo de achegar as letras galegas ao Bierzo e lograr un acordo para a reconstrución da casa natal do Frei Martiño Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo. No blog O mego da Escola  lemos a cotío achegas sobre o material, propostas, xornadas e actividades culturais relacionadas co galego e coas letras galegas.

 

  • O primeiro obxectivo da Comisión foi acadado. A Real Academia Galega escolleu figura das letras galegas ao frade, no ano 2002, recoñecendo o labor desenvolvido polo erudito, quen un día 9 de marzo do ano 1695, naceu nunha casa situada na rúa da Auga, en Vilafranca do Bierzo.

 

No mes de maio do ano 2002, os representantes da Xunta de Castela e León e da Xunta de Galicia, respectivamente, asinaron un convenio para a reconstrución da casa natal de Sarmiento. Hoxe este o espazo atópase en total estado de abandono. Numerosas denuncias non conseguiron que ambas as institucións asumisen as súas responsabilidades respecto do compromiso contraído.

 

En 2001O día 18 de xullo-.  Foi asinado o  Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo (2001-2005), entre a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León. Este acordo permite que os estudantes de certos niveis do ensino obrigatorio non só poidan cursar a materia de lingua galega, senón que poidan optar por un módulo en lingua galega para o estudo doutras materias que tratan aspectos históricos e culturais. Mestres e asociacións bercianas, grupos políticos como o BNG e o PSOE, institucións destacadas como a Real Academia Galega, Manuel Fraga, daquela presidente do Parlamento Galego e o señor Herrera, presidente do Parlamento de Castela e León, son clave para a posta en marcha do acordo.

 

  • No curso académico 2002-2003. Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada pódese estudar galego.  No primeiro curso académico, un total de 73 alumnos matriculados, 55 na súa modalidade oficial e 18 na modalidade libre.

 

  • En 2002 –O día 17 de maio-. Vilafranca do Bierzo acolle o Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega escolle figura senlleira das letras galegas a Frei Martiño Sarmiento.

 

  • En 2004 –O Primeiro de maio-. Nace a revista Labieira. Revista do Departamento de Galego da EOI de Ponferrada, lanzando neste primeiro número unha serie de argumentos sobre as vantaxes que ten o poder estudar o idioma galego e portugués no Bierzo. Sostén a revista: Por que estudar galego no Bierzo?

É parte do patrimonio lingüístico e cultural do Bierzo.

Facilitará a aprendizaxe doutras linguas románicas, sobre todo do portugués.

Permitirá continuar os estudos en calquera dos campus universitarios de Galicia.

Dará acceso, sen necesidade de recorrer a traducións, á riqueza cultural galega e portuguesa.

Axudará a concorrer ás bolsas e prazas convocadas polas distintas administracións, así coma a toda a información científica e técnica redactada en galego e/ou portugués.

Facilitará o acceso, cun mínimo de esforzo, a un gran mercado con máis de 200 millóns de falantes (Galicia, Portugal, Brasil,..)

 

  • Ano 2004 –Mes de outubro-. Héctor Silveiro é escollido académico correspondente na Real Academia Galega en representación do galego falado nos Ancares orientais e o Bierzo occidental. Como académico correspondente realizou un discurso de ingreso, Dos megos nos soutos, editado no volume dedicado ao galego estremeiro titulado A herdanza da lingua (publicado pola RAG en 2004). Redactou varios informes e propostas de traballo sobre o galego no Bierzo e a introdución da materia nos centros educativos da comarca nos anos 2011 e 2014.

 

  • En 2005 fúndase a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta, conformada por alumnado e profesorado de galego no Bierzo, coa finalidade de defender, protexer e divulgar a lingua galega falada no Bierzo. Ve a luz unha fermosa revista editada en galego Revista da Asociación Berciana da Lingua Xarmenta.

A asociación convoca os Premios Xarmenta. Durante os anos 2005, 2006, 2007 e 2008, a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta  entrega no mes de xaneiro de cada ano, un galardón a unha personalidade distinguida pola súa defensa da lingua galega fóra da Galicia administrativa, e institución, colectivo,… que colabore no desenvolvemento e promoción da lingua galega no Bierzo.

Foron recoñecidos as seguintes personalidades: Luís Tosar, Amancio Prada, Manolo Rivas e Susana Seivane, e as seguintes institucións: o Consello Comarcal do Bierzo, a Real Academia Galega, a Xunta de Castela e León e Xunta de Galicia conxuntamente e o grupo Aira da pedra e a Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo, tamén conxuntamente.

 

  • En 2006 –Entre os días 27 e 29 de outubro-. Ten lugar a II Escola Permanente Fermín Penzol. Nesta ocasión rende homenaxe ao poeta Antonio Fernández Morales. Iniciativa promovida pola Universidade de Vigo.

 

  • Ano 2007 –O día 5 de xullo-. Os Institutos de Educación Secundaria dos territorios limítrofes con Galicia que desenvolven o Programa para a promoción do idioma galego en Castela e León poden ofertar aos alumnos de Bacharelato a materia optativa de Lingua e Cultura Galega mor dun pacto entre comunidades. Esta vía permite a obtención do título coñecido como CELGA III e posibilita que os que o posúan poden acceder aos concursos públicos ofertados pola administración en Galicia. Sen a obtención deste título non hai posibilidade de participar en ningún concurso público en Galicia.

 

  • Ano 2010 –O día 12 de marzo-. V Escola Permanente Fermín Penzol, iniciativa promovida pola Universidade de Vigo. Nesta ocasión rende homenaxe a Marisa Cela, membro da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo, e ao profesor xubilado, produtor de mel e gaiteiro Francisco Martínez Velasco. O profesor Costas reivindica de novo que o ano 2011 se dedique o Día das Letras Galegas ao poeta Antonio Fernández e Morales, ao cumprirse o 150 aniversario da publicación dos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano.

 

  • Ano 2010 – O dia 20 de decembro – Lei 17/2010. Modificación do Estatuto de Autonomía de Castela e León. O artigo primeiro da Lei da Comarca do Bierzo, pasa a recoller no seu punto número 4, que:

Na comarca do Bierzo gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares nos que habitualmente se empregue.

A Comunidade de Castela e León facilitará a participación da Comarca do Bierzo nas actuacións que realice para a promoción da lingua galega no seu ámbito territorial.

 

  • Ano 2011 –O día 17 de maio- A Comisión Cultural Martín Sarmiento e a Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo presentan o caderno de propostas didácticas O Rexurdimento do galego no Bierzo. Héctor Silveiro, académico correspondente da Real Academia Galega presenta un informe de urxencia á institución galega, avaliando os problemas do Programa para a promoción do idioma galego en Castela e León.

 

  • Ano 2011 –O día 11 de outubro- VI Escola Permanente Fermín Penzol en homenaxe a Antonio Fernández Morales, ao cumprirse 150 anos da publicación dos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano.

 

  • No ano 2012  a Comisión Cultural Martín Sarmiento recupera as Xornadas Martín Sarmiento.

 

  • Ano 2013. Héctor Silveiro, académico correspondente da Real Academia Galega, envía á institución un novo informe avaliando os graves problemas derivados do despedimento de profesorado de Educación Primaria en centros de ensino bercianos, así como nos IES Bérgidum, en Cacabelos e no IES Europa, en Ponferrada.

 

  • No curso académico 2014-2015 a Escola Oficial de Idiomas imparte o nivel C1, vía a través da cal o alumnado da escola pode acceder ao título máximo de coñecemento de lingua esixido pola administración galega para presentarse a calquera concurso público na Galiza.

 

  • Ano 2014 –Os días 7, 8 e 9 de marzo-. VI Xornadas Martín Sarmiento en Vilafranca do Bierzo, organizadas pola Comisión Cultural Martín Sarmiento. O lema da xornada: Educación, cultura e lingua, ao cumprirse o XII aniversario  da introdución do galego nos centros escolares do Bierzo.

 

  • A estas iniciativas hai que sumar o traballo do Instituto de Estudos Bercianos, cuxas orixes se remontan ao ano 1959.

 

 

1 Responses to Iniciativas e datas destacadas

  1. Alois Geldermann di:

    Soy un amigo antiguo (1971 en Salamanca) De Francisco Martinez Velasco. Quiero reanudar el contacto !

    Gústame

Deixar un comentario